Dionisio Pereira historiador: "'Os nomes do terror' é
um contundente alegato contra a impunidade histórica dos genocidas do
franquismo"
Iago Pereira
Falamos con Dionisio Pereira, un dos coordinadores de Os
nomes do terror (editado por Sermos Galiza), a primeira obra que aborda a nivel
nacional a represión no franquismo desde a perspectiva dos verdugos, que será
presentada o vindeiro 25 de xullo ás 17 horas no Festigal.
- Este é o primeiro traballo global que aborda o tema dos
represores en Galiza. Cres que xa pasou tempo abondo para afrontalo sen que
haxa problemas xurídicos? Precisamente ti fuches denunciado (e sobreseído) por
poñer nomes enriba da mesa...
- Se acaso é o primeiro traballo colectivo e cunha
perspectiva de conxunto do país, mais compre lembrar que outros autores xa
teñen transitado dabondo por esta temática, caso de Gonzalo Amoedo, cuxo libro
“A Memoria e o Esquecemento. O Franquismo na provincia de Pontevedra” (Xerais,
2010) é unha achega relevante, ou de Manolo Pazos que leva ben anos a
investigar e publicar sobre os represores na súa bisbarra de Ordes. O tempo
inflúe, dende logo, na práctica desaparición tanto dos vitimarios activos na
contenda civil e na inmediata posguerra, como de moitos dos seus achegados máis
directos e iso pode explicar o feito de que as denuncias contra investigadores
e investigadoras diminuíu nestes últimos dez anos. Porén, nin as peculiaridades
do aparato xudicial español, que tanto acepta como rexeita a consideración da
historia oral como proba, nin as continuas reformas a cada máis involutivas do
Código Penal, nin o ambiente de impunidade que disfruta o franquismo subxacente
que aínda condiciona o exercicio real do poder en España, nos permiten ser
confiados e dar por concluído o capítulo da xudicialización do traballo de
investigación das actividades represoras. Os condicionantes ao labor de
historiadores/as e investigadores/as, aínda existen. E continuarán interferindo
no seu labor en tanto en canto non se conforme un entorno xurídico-político
plenamente garantista e un ambiente social maioritariamente receptivo.
Direiche, ao cabo, que no libro de SERMOS fumos todos e todas moi prudentes,
documentando até o exceso os diversos relatos e ollando sempre para o
retrovisor, polo que puidera acontecer.
- Cales son as principais achegas deste libro?
O libro está construído dende diversas
sensibilidades, ben apreciables nos diversos traballos que o compoñen, mais
cunha avinza de base que pretende remover conciencias: ao cabo, é un
contundente alegato contra a impunidade histórica dos xenocidas. Como sinalamos
no Limiar colectivo, dende a chamada Transición producíuse unha interesada
confusión, que deu en converter a impunidade no plano xurídico dos crimes do
franquismo consagrada pola Lei de Amnistía de 1978, nunha absolución en termos
de relato histórico. Nós non somos xuíces, nin temos nas nosas mans acometer as
mudanzas que rematen coa impunidade xurídico-política, mais como historiadores/as
si podemos achegar os nosos coñecementos para guindar na papeleira da Historia
a impunidade dos represores. Dende a miña perspectiva, este pulo ético é a
principal achega da publicación.
- Aínda quedan comarcas e temáticas por cubrir. Neste
sentido pode ser un libro iniciático, non?
- A nosa intención é crear ambiente e transmitir ánimos a
todo aquel ou aquela que considere preciso realizar monografías nas súas
respectivas zonas. Entre todos e todas rachar o medo que aínda existe (cónstanos)
en moitos lugares e que ten como consecuencia que a transmisión oral (única
fonte coa que contamos en moitas ocasións para estudar a chamada 'represión
paralegal') se faga tan só cos achegados e case que coa obriga de gardar o
segredo, mentres aos que andamos a investigar se nos considera como xente que
pode xerar problemas…. Isto, por exemplo na Terra de Montes, é algo
relativamente habitual; dou fe. Retornando á pregunta, sendo consciente das
limitacións de espazo do libro, boto en falta traballos por facer focalizados
en zonas tan castigadas como Vigo e a súa contorna, o Baixo Miño, Monforte ou a
bisbarra ourensá de Monterrei-As Frieiras. Agardo que no futuro este panorama
mude.
- Que cres que suporá este libro para a historiografía desta
época? Animará a outros historiadores/as a completar as comarcas e os temas
pendentes?
- Iso, como dixen, é o que pretendemos e penso que hai xente
dabondo capacitada para que así sexa; agardo, tamén, unha presenza máis
determinante tanto das investigadoras como da temática de xénero, pois
determinado tipo de represalias (as delacións, por exemplo, en colaboración coa
igrexa católica) tiveron notoria presenza feminina. O libro representa,
ademais, un moi saudable punto de encontro entre a precisión historiográfica do
mundo académico e o compromiso socializador dos que eu chamo con especial
agarimo “francotiradores”, aínda que as devanditas virtudes non sexan
privativas de uns e outros. É todo un camiño a percorrer en diante.
- Aínda hai arquivos que non son de dominio público. Cres
que achegaría moitos novos datos?
- Naturalmente, no meu traballo en concreto, a consulta dos
arquivos da Delegación de Orden Público e da Comandancia da Garda Civil de
Pontevedra, sería do máximo interese para coñecer con precisión o que aconteceu
nas datas fatídicas do 11 e 12 de agosto de 1936, nas que seis veciños da Terra
de Montes foron asasinados e outro foi deixado por morto. Sabemos que as
executoras foron as milicias falanxistas coa axuda dalgún cívico de Víctor Lis
Quibén, mesmo transcenderon algúns nomes sinalados en memorias persoais ás que
tivemos acceso, mais a documentación emanada polas instancias devanditas
deixaría ben ás claras a cadea de mando responsable… Mais non confío en que se
poida acceder a eses e outros arquivos (os penitenciarios de numerosas cadeas
galegas, por exemplo) mentres non haxa o réxime garantista e o apoio social aos
que facía referencia antes. Ese é un labor cívico no que o movemento
memorialístico debería estar en vangarda.
- Cales dirías que son as tipoloxías de represores que houbo
en Galiza? No teu estudo sobre a Terra de Montes a procedencia e extracción
social é diversa: curas, empresarios, familias acomodadas, antigos
esquerdistas...
- Nun magno traballo titulado “Así aprenderán a non ter ideas.
Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo” (Morgante, 2016), o escritor
Calros Solla establece para aquel concello pontevedrés que é doado enxergar
conexións entre os sinalados como presuntos participantes en actividades
represivas e aqueloutros que ocupaban, dende o albor do século XX, o poder
local. Concordo con este diagnóstico, se acaso extensible ao conxunto da Galiza
rural. En xeral, a defensa dos privilexios ameazados polos movementos sociais
durante a República e a represión levan camiños paralelos. Os represores e
represoras atenden a esta lóxica, máis que a valoracións morais de maldade ou
psicolóxicas.
- No teu traballo sobre esta comarca inclúes vitimarios de
todo tipo: desde os que pasearon até delatores e delatoras, o aparello
económico arredor de todo isto, expropiacións... e tamén a onde chegaron, ou
como moitos deles foron aupados polo réxime. O poder de algún deles traspasou
as barreiras do propio réxime e chegou a alcalde, non?
- Antes que nada, quixera apuntar que no libro tratamos aos
represores como “suxeitos históricos” inmersos en confrontacións sociais, lonxe
de calquera intencionalidade implícita ou explícita de axustar contas,
individual ou colectivamente. Non hai nas nosas investigacións, que só procuran
a verdade a partir do coñecemento científico, lugar para consideracións
persoais. Dito isto, pódese dicir que, mesmo na década dos 50 do século pasado,
o poder municipal estivo encabezado na Terra de Montes pontevedresa por
falanxistas que tomaron parte activa no golpe militar. Porén, tamén entre os
represores houbo clases e mesmo algúns deles de procedencia máis humilde
deberon emigrar ás Américas, visto o pouco proveito que tiraron do novo réxime
tras o seu violento e interesado compromiso cos vencedores.
- Cales dirías que son as tipoloxías de represores que houbo
en Galiza? No teu estudo sobre a Terra de Montes a procedencia e extracción
social é diversa: curas, empresarios, familias acomodadas, antigos
esquerdistas...
- Nun magno traballo titulado “Así aprenderán a non ter
ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo” (Morgante, 2016), o
escritor Calros Solla establece para aquel concello pontevedrés que é doado
enxergar conexións entre os sinalados como presuntos participantes en
actividades represivas e aqueloutros que ocupaban, dende o albor do século XX,
o poder local. Concordo con este diagnóstico, se acaso extensible ao conxunto
da Galiza rural. En xeral, a defensa dos privilexios ameazados polos movementos
sociais durante a República e a represión levan camiños paralelos. Os
represores e represoras atenden a esta lóxica, máis que a valoracións morais de
maldade ou psicolóxicas.
- No teu traballo sobre esta comarca inclúes vitimarios de
todo tipo: desde os que pasearon até delatores e delatoras, o aparello
económico arredor de todo isto, expropiacións... e tamén a onde chegaron, ou
como moitos deles foron aupados polo réxime. O poder de algún deles traspasou
as barreiras do propio réxime e chegou a alcalde, non?
- Antes que nada, quixera apuntar que no libro tratamos aos
represores como “suxeitos históricos” inmersos en confrontacións sociais, lonxe
de calquera intencionalidade implícita ou explícita de axustar contas,
individual ou colectivamente. Non hai nas nosas investigacións, que só procuran
a verdade a partir do coñecemento científico, lugar para consideracións
persoais. Dito isto, pódese dicir que, mesmo na década dos 50 do século pasado,
o poder municipal estivo encabezado na Terra de Montes pontevedresa por
falanxistas que tomaron parte activa no golpe militar. Porén, tamén entre os
represores houbo clases e mesmo algúns deles de procedencia máis humilde deberon
emigrar ás Américas, visto o pouco proveito que tiraron do novo réxime tras o
seu violento e interesado compromiso cos vencedores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario